METODOLOXÍA

MilRamas é un lugar diverso para compartir día a día e en crecemento, tecendo redes de diálogo e restaurando esa comunicación e escoita activa perdida entre nós, xs adultxs e as crianzas. Un lugar para a infancia, xs veciñxs, xs adolescentes, xs políticxs, xs mestrxs, as nais e pais, vos avós e avoas e xs adultxs con ganas de convivir e proxectar un Valmiñor cheo de riqueza social.

A metodoloxía de MilRamas está baseada en cinco pilares fundamentais:

XOGO LIBRE: Tendo en conta que o Xogo é a actividade máis importante de todo ser humano, creamos espazos onde os nenos e as nenas elixen con quen e onde xogar, relacionándose e ideando as súas propias actividades. Isto lévalles a aprender por sí mesmxs, a expresarse e a explorar o que os seus intereses lles ditan, no espazo interior e exterior de forma libre e autónoma. Son elxs quen en liberdade constrúen o seu propio mundo e permítelles atoparse coa súa verdadeira deriva persoal.

ACOMPAÑAMENTO RESPECTUOSO: As persoas que acompañamos o proceso de aprendizaxe dxs nenxs, (ou sexa, o seu Xogo) facémolo dende a asistencia, sen xulgar nin crear expectativas.

Respectamos os seus ritmos e estamos presentes, de maneira que a confianza que se xera no espazo, fortalece as relacións e crea vínculos de amor e respecto moi sólidas para quen acompaña e para quen é acompañadx.

ESCOITA ACTIVA: partindo de que as palabras forxan a nosa realidade, poñemos un especial coidado coa linguaxe empregada no espazo, seguindo os principios da psicoloxía humanista, a cal posúe tres principios fundamentais: a singularidade,  que considera ao ser humano como único e irrepetible; a autonomía,  desenvolvendo na persoa a capacidade de elixir e facer con responsabilidade; e para rematar, a apertura,  utilizando a comunicación e o diálogo como ferramentas eficaces para unha sa convivencia, construíndo unha cultura de paz e fortalecendo a democracia como modelo de sociedade. Respectamos profundamente os procesos de aprendizaxe de cada unha das persoas.

ESPAZO PREPARADO: constatamos que para que se produza o xogo  é fundamental xerar as condicións para que este suceda. É por iso que en MilRamas lle damos tanta importancia ao espazo arquitectónico  e á contorna  como lugares que acompañan o desenvolvemento das persoas. O ambiente que propoñemos e coidado, ordenado, non dirixido e co material adecuado para investigar. Temos a disposición das persoas materiais naturais e non estruturados que permitan á natureza entrar no espazo e/ou estender o espazo ao xardín, fusionando interiorexterior coma se fosen un. A conexión coa natureza é continua e sucede no momento en que as crianzas e adultxs o precisen.

COMUNIDADE DE APRENDIZAXE: MilRamas aposta por un espazo de encontro, autocoñecemento, intercambio e reflexión profunda achega das maneiras de ver a infancia e comunicar con ela. Partimos dun espazo común onde poder xogar, relacionarnos e despregar a capacidade creadora que todxs levamos dentro. É necesario crecer acompañadxs para sentir que somos capaces e que temos un lugar no mundo dende a aceptación da diferenza.

Buscamos un espazo para o debate do cotián e o social, onde dar voz á infancia, á vellez illada, á adolescencia incomprendida en base a socializar na diversidade e o respecto, partindo do coidado individual e favorecendo o desenvolvemento persoal por medio do xogo, con experiencias reais e espontáneas que nos permitan vencer o medo e abrir camiños cara a unha sociedade sa e con sentido común. Cubrimos a necesidade social dun espazo de relacións e aprendizaxes.

Buscamos a creación de redes de apoio dentro dun espazo común coidado e acompañado por persoas con experiencia e en formación continua.

ÉTICA ECOLÓXICA:  o noso obxectivo a nivel ambiental é concienciar sobre os residuos que xeramos e como podemos reciclar-reutilizar de xeito consciente e creativo. Ademais, queremos construír unha plataforma de mediación entre a industria a nivel local, administración e veciños, que abra unha vía de comunicación e intercambio de recursos, de maneira que poidan beneficiarse todxs dunha actividade conxunta. Obradoiros para a cidadanía e para todas as idades nos que biólogxs, campesiñxs, forestais, comunidades de montes, escola pública e todas as persoas que traballen por mellorar a nosa contorna natural e co desexo de compartir o seu saber.

Un dos pilares da filosofía de Reggio Emilia é a sensibilidade medioambiental  e levárono á práctica non só no día a día dos espazos educativos, senón a nivel comunitario a través da implicación das empresas da rexión. REMIDA , centro de reciclaxe creativo, consegue levar á práctica o tema da reutilización do que para algúns xa son residuos, cousas inútiles, para darlles de novo vida a través da participación da infancia con estes materiais, convertíndoos en parte das súas creacións artísticas, obxectos reconvertidos en materiais didácticos e/ou materiais para o xogo libre dxs nenxs.

Inspiradas no seu labor, potenciamos o traballo con empresas que nos cedan o seu material de refugallo, o cal nos permite, ademáis de construír e deseñar o noso propio mobiliario e material didáctico, desenvolver obradoiros de xogo e exploración no noso espazo.

“Se se fan cousas reais, tamén son reais as súas consecuencias”

Loris Malaguzzi.

O seguir navegando neste sitio, aceptas o uso de cookies// Al seguir navegando el sitio, aceptas el uso de cookies. + información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close